Actividades | Premios

Premios de Aquitectura Juana de Vega

Fallo do xurado 2010

Acta final do xurado

Ás 22 horas do 19 de xullo reúnese o xurado en Gondomar, integrado polas
seguintes persoas:

Presidente

Celestino García Braña

Secretario

Enrique Sáez Ponte

Vocais

Xosé Manuel Casabella López

Manuel Caamaño Suárez

Salvador Fraga Rivas

Francisco Xavier Seoane Rivas

Gonçalo Byrne

Asemade asiste Isabel Aguirre de Urcola, como directora da Escola Galega da Paisaxe.

Durante o día, visitáronse as cinco vivendas unifamiliares que foran seleccionadas na primeira reunión do xurado o 28 de xuño. Tamén se visitou unha sexta en Gondomar, respecto a cal había dúbidas sobre incluíla ou non como candidata a ser visitada.

O Xurado fai unha detida valoración limitada ás cinco obras seleccionadas inicialmente e procede logo a un prolongado debate, tralo que aproba por unanimidade o seguinte:

  1. Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura para vivendas rematadas no ano 2009 ao arquitecto José Carlos Seoane González pola súa obra sita na Urbanización "As Galeras" Rua Antonio Maceo, 5 – Lians, Oleiros. O xurado quere salientar a complexa integrazón da casa no espazo no que se sitúa: un solar en descenso cara ao mar, cunha extraordinaria vista sobre a baía da Coruña e con importantes limitacións de normativa local e de costas. Aprovéitanse ben estas circunstancias para situar con discreción unha vivenda de notables dimensións. Gran parte da matizada perspectiva que ofrece cara á fachada principal débese á gran pérgola de formigón, que cubre e da unidade ao acceso e, ao mesmo tempo, facilita luz ao patio interior mediante un oco circular. Aínda que en algún elemento concreto recórrese a un excesivo formalismo, resaltan as coidadas solucións de deseño que artellan os espazos nos tres niveis do inmóbel.

  2. Conceder un accésit aos arquitectos José Luis Quintela Porro e Mónica Díaz Rodríguez, polo seu proxecto realizado en O Quinteiro, Nigrán. Destaca a solución exterior simple, que agocha unha sección complexa. O nivel inferior, illado do superior e de concepción moi eficaz, descorre por baixo da terraza da piscina e se reserva para as actividades de lecer. O conxunto transmite unha idea de contención concisa e bon uso dos materiais, aínda que amosa unha excesiva compresión de algún espazo e coloca a cheminea en lugar afastado

  3. O xurado quere reflectir, como finalistas destacados, o valor de dúas vivendas situadas en zonas urbanas. Ambas representan un camiño axeitado para recuperar e por en valor tecido urbano deprimido.
    Entende o xurado que esta é unha actividade que compre potenciar e que vai representar un desafío e, ao mesmo tempo, unha oportunidade para os arquitectos nos vindeiros anos.
    • A primeira das obras, da arquitecta Patricia Montes Andrés, sitúase no barrio de Canido en Ferrol. É unha intervención de calidade, que aporta unha peza de arquitectura actual nun vello barrio ferrolano, bastante deteriorado. Destaca pola modernidade das solucións elexidas. A vivenda, de tres
      plantas, ábrese cara a un tranquilo xardín posterior, presidido por unha gran nogueira. A branca casa ofrece moita luz en todos os espazos, ben concebidos para adaptárense ás necesidades dos donos.
    • A segunda, da arquitecta Helena Mosquera García, é unha obra de recuperación dun edificio protexido situado no casco histórico de Betanzos. O traballo realizado é un bon exemplo de como un coidado deseño pode adaptar un espazo e unha fachada predeterminadas a solucións interiores complexas, luminosas e flexíbels. A delicadeza e precisión da obra realizada amósase no tratamento da madeira, moi presente en toda a casa.

Principio pagina

 

Fundación Juana de Vega
Rúa Salvador Allende nº 92
C.P.:15176 San Pedro de Nos - Oleiros
A Coruña - España
Tlfo.: 981.65.46.37 Fax: 981.65.20.95