O plan do litoral que chegará a Galicia con seis anos de demora sobre o prazo que estableceu a Lei do Solo inclúe un catálogo de determinacións que, se levan á práctica, favorecerán o desenvolvemento ordenado e a protección da costa.
O plan impide, por exemplo, as urbanizacións de vivendas fóra dos núcleos, nunha aposta clara por acabar coas extensións de chalés encostados que asoman á fachada costeira. Fronte a eses desenvolvementos aberrantes, a Xunta establece que os crecementos urbanísticos deberán realizarse en dirección contraria ao litoral, «cara ás zonas con pendentes máis suaves e menos exposición e relación visual coa costa».
Pero o plan non afoga aos concellos implicados, que poderán clasificar chan industrial illado, cando se garantan as condicións de accesibilidade e o menor impacto sobre o territorio. Ademais, na zona de protección non se permitirá edificar vivendas, pero si serán posibles explotacións acuícolas e marisqueiras «de carácter tradicional», actividades deportivas e de baño, e instalacións de talasoterapia, augas termais, depuradoras ou estaleiros, ademais de aparcadoiros de uso público para o acceso ás praias.
Fuente: La Voz de Galicia