O mal xa está feito en amplas zonas da fachada marítima galega. O forte impacto da crise sobre o sector inmobiliario secou a demanda e facilitou a aplicación da lei que paralizou o ladrillo a menos de 500 metros do mar e a tramitación posterior do plan do litoral. Pero esa caída da actividade constata que a protección legal do chan costeiro chegou tarde a Galicia. O balance sobre a evolución de visados de vivendas que onte presentou o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia representa unha nova evidencia, dúas semanas despois da entrada en vigor da ordenación do litoral. A edificación na costa encadeou no 2010 o terceiro ano de derrubamento. Un exemplo: os arquitectos visaron 3.246 vivendas en Foz no 2007. O ano pasado, 11.
Aínda que a retirada dos guindastres afecta por igual á costa que ao interior, o contraste cos anos do bum inmobiliario é máis significativa fronte ao mar. Os concellos costeiros pasaron de competir coas sete principais cidades en visados para novas vivendas a unha actividade anecdótica. O caso de Foz é elocuente. Neste municipio lucense, con apenas 10.000 veciños censados, os arquitectos tramitaron visados para 6.761 vivendas entre o 2000 e o 2007. A mesma tendencia afecta a outros concellos da Mariña. En Barreiros (3.203 habitantes), onde as Administracións autonómica, provincial e local aliáronse para legalizar urbanizacións levantadas sen servizos, cursáronse 4.299 visados do 2000 ao 2007. Do total nese período, 2.234 corresponden ao 2007, en véspera do estalido da burbulla inmobiliaria. No 2010, só se tramitaron 8 visados en Barreiros.
A caída da presión urbanística tamén se aprecia na costa coruñesa. Ribeira pasou de 1.684 visados no 2007 a 50 o ano pasado. Nun municipio máis pequeno, como Malpica, con 6.178 veciños, os arquitectos autorizaron 9 edificacións no 2010, cando no 2007 habían visado 648. No litoral pontevedrés, destaca o parón dos guindastres en Sanxenxo, que apenas constrúe agora o 13% (125 visados no 2010) do que edificaba tres anos antes (998 no 2007). Cangas solicitou 3.596 visados entre o 2000 e o 2007; o ano pasado, 38.
O 10% dos visados do 2006
Máis aló da incidencia da crise do sector sobre os municipios costeiros, os que soportaron unha presión urbanística que levou ao bipartito a alertar do risco de marbellización de Galicia, a actividade construtiva quedou practicamente paralizada no 2010. Os arquitectos visaron nas catro provincias 4.805 edificacións, o que representa 3.000 menos que no 2009 (7.708) e o 10,2% das 46.881 tramitadas no 2006. Como Galicia, as sete cidades rexistraron os índices máis baixos da década. Só A Coruña, con 243, mantivo unha demanda anual estable. Lugo (300) e Santiago (245) visaron máis, pero con fortes derrubamentos no segundo semestre do ano, un desequilibrio que tamén se apreciou en Vigo (225), Ourense (231), Ferrol (88) e Pontevedra (49). Neste contexto, o Colexio de Arquitectos destaca que o aumento das vendas no último ano contribuíu a reducir o parque de pisos xa construídos que esperan comprador.
Só o 4% son pisos protexidos
O balance de visados no 2010 volve a ridiculizar o discurso político sobre a vivenda protexida e reflicte o peso da unifamiliar. Só o 4% foron para pisos de prezo taxado, cando a media na década pasada era do 9%, moi lonxe da reserva do 30% do chan que fixou o bipartito para esas vivendas cunha lei que nunca se chegou a cumprir e que tombou o Goberno de Feijoo. Polo menos 13.000 demandantes esperan en Galicia por un piso de protección.
Parón absoluto en 40 concellos
O bloqueo da construción residencial foi total en 40 municipios, que non tramitaron un só visado. A metade (21) son ourensáns. O parón inmobiliario estendeuse no segundo semestre a 82 concellos.
11
Foz
O bum urbanístico tocou techó en Foz no 2007, con 3.246 visados. No 2010, tramitou 11.
50
Ribeira
Superou en actividade a Sanxenxo no período 2000-2007, con 5.995 visados. O ano pasado, 50.
125
Sanxenxo
Bandeira do empuxe urbanístico das Rías Baixas, visa o 13% do que xestionaba no 2007.
8
Barreiros
Con 3.200 veciños, Barreiros visou 2.234 vivendas no 2007. O ano pasado foron só 8.
33
Narón
Fixo entre os concellos que antes da crise superaban os 1.000 visados ao ano, non pasa de 33.
29
Poio
Ao longo do período 2000-2007, visáronse 2.928 vivendas en Poio. No 2010, só 29.
25
Viveiro
Entre o 2000 e o 2007, visáronse 3.160 edificacións neste concello. Durante o 2010, 25.
97
Arteixo
Chegou a visar 6.106 edificacións entre o 2000 e o 2007. O ano pasado quedou en 97.
38
Cangas
De 3.596 visados nos anos previos ao estalido da burbulla, Cangas pasou no 2010 a 38.
Fuente: La Voz de Galicia