Un equipo de cinco paisaxistas galegos foi seleccionado para participar co seu proxecto Caleidoscopio na presente edición de Bilbaojardín, un concurso internacional de paisaxismo organizado desde o ano 2007 e que terá lugar en Bilbao a finais do próximo mes de maio.
O xardín recreará as imaxes cambiantes dun caleidoscopio servíndose de xardineiras móbiles que poderán desprazarse ao gusto dos visitantes. As especies vexetais e as cores escollidas, así como os materiais reflectintes instalados, axudarán a aumentar aínda máis a sensación de duplicidade de espazos.
Este xove equipo de creativos, formado por Silvia Vecín, Marcos Senra, Manuel Germade, Aldara Lamas e Xabier Ron, acábase de formar tras o seu paso pola Escola Galega da Paisaxe, pertencente á Fundación Juana de Vega de A Coruña, e que colaborará patrocinando o proxecto.
O certame contará con 20 proxectos seleccionados procedentes de distintos países europeos, que dispoñeranse en distintos puntos da cidade de Bilbao e poderán ser visitados ata o 10 de xullo. O gañador premiarase con 30.000€ e un contrato para desenvolver o proxecto dun parque ou xardín público na cidade. Do mesmo xeito outorgarase un premio do público que consistirá na selección automática para a seguinte edición.
Bilbaojardín
O concurso, nado en 2007 con carácter bianual, celebrará este ano a súa terceira edición tras o éxito acadado nas súas dúas primeiras convocatorias. Na primeira edición presentáronse 132 proxectos; e na segunda, na primavera de 2009, a cifra aumentou a 138. Ademais recibíronse consultas das máis diversas partes do mundo e peticións de personalidades da arquitectura e a cultura para deseñar o seu propio xardín fora de concurso. O resultado final fortaleceuse pola gran aceptación con que a cidadanía acolle e celebra este proxecto.
Fuente: Luns a Venres