Oleiros, 18 de outubro de 2011.-A sede da Fundación Juana de Vega acolleu hoxe o acto de lectura do fallo e entrega dos Premios Juana de Vega de Arquitectura, correspondentes á convocatoria de 2011, coa que se premian recoñece o labor dos arquitectos que, cos seus proxectos, contribúen á mellora da calidade de vida do medio rural galego a través de propostas arquitectónicas contemporáneas que se integren no contorno natural adaptándose á calidade paisaxística de cada zona. O certame, de carácter anual, é o de maior dotación que se convoca en Galicia para proxectos de arquitectura, recoñecendo tanto vivenda unifamiliar de nova planta como de rehabilitación, rematada en Galicia no ano natural anterior á convocatoria, neste caso 2010.
Na entrega deste premio estiveron presentes o presidente do xurado e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; o secretario e presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o xa ex director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, que actuou como vogal e viviu nesta xornada unha ocasión moi especial ao despedirse deste equipo de xurado, xa que hai escasas datas deixou o seu cargo a fronte da escola coruñesa.
Durante este acto fíxose entrega do primeiro premio a Antonio Pernas Varela pola vivenda situada en Bergondo (Aldea de Arriba), mentres que os accesit correspondéronlles a Óscar e Iván Andrés Quintela (arrokabe arquitectos) pola súa obra nas proximidades de Lavacolla (Sabugueira do Carballal), e a Pablo Menéndez Paz pola súa obra na Caeira (Pontevedra). Tamén se concedeu unha mención especial como finalista destacada á obra de rehabilitación de Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rei no casco histórico de Ourense.
Antes de proceder a entregar os diplomas acreditativos e as placas conmemorativas aos propietarios das vivendas galardonadas, co fin de destacar o papel dos mesmos á hora de apostar pola innovación e a integración no contorno das súas vivendas, os membros do xurado destacaron a necesidade de promocionar aos arquitectos que están facendo traballos de calidade en Galicia.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega salientou a vocación pedagóxica destes premios, indicando que é necesario dar a coñecer o que se fai ben, motivo polo que a Fundación tamén publica os traballos premiados nun libro que leva xa dúas edicións. Tamén destacou a necesidade de premiar as apostas por unha arquitectura nova, que necesita propietarios que queiran innovar e mellorar o territorio que os arrodea a través de vivendas que son o mellor expoñente da arquitectura contemporánea galega.
O decano do COAG incidiu nesta idea manifestando que os traballos premiados constitúen grandes mostras da arquitectura contemporánea do noso tempo, nun momento no que tanto a sustentabilidade como a economía de medios é fundamental, tendo en conta a actual crise económica. Dous aspectos que, en opinión de Jorge Duarte, integráronse de xeito moi satisfactorio na meirande parte dos proxectos presentados. Destacou neste sentido o elevado nivel dos participantes tanto en obra nova como en participación.
Pechou as intervencións Xosé Manuel Casabella, que se despediu desta convocatoria lembrando o labor de todos os membros do xurado que participaron en cada unha das edicións, ao tempo que desexou que a Fundación Juana de Vega non perda a ilusión e siga adiante con estes premios, xa que está a desenvolver un labor imprescindible para o noso país e para arquitectura moderna. Neste sentido, engadiu que debe ser a sociedade civil a que ten que realizar este tipo de accións, e non só as administracións públicas.
TRABALLOS PREMIADOS
Premio Juana de Vega de Arquitectura:
Antonio Pernas Varela.
Vivenda situada en Bergondo (Aldea de Arriba).
O xurado valora especialmente un compacto deseño, dotado de alta eficiencia enerxética que se inxire con naturalidade e engade calidade visual ao espazo próximo, caracterizado pola proliferación de vivendas illadas e pequenos grupos de casas, perto dun gran polígono industrial. Destacan a distribución ben organizada con alternativas de mobilidade exterior e interior e o bo criterio no emprego dos materiais (madeira, lousas de formigón prefabricadas e aceiro galvanizado), elementos que contribúen a unha harmoniosa relación entre a casa e o xardín.
Accésits.
Obra nas proximidades de Lavacolla (Sabugueira do Carballal).
Recoñécese o proxecto duha vivenda sinxela, feita con medios moi limitados, que parte dunha axeitada colocación sobre o terreo dispoñíbel. De costas á estrada ábrese a un reducido xardín a través dun amplo espazo cuberto feito de madeira de eucalipto. A cuberta tradicional de tella a dúas augas protexe o mundo interior artellado ao redor da cociña, como é habitual no medio rural, e deseñado para permitire a vida dunha muller con graves minusvalías. A forma e o remate cromático enriquecen o entorno rural, próximo ao Camiño de Santiago, que amosa, na súa derradeira etapa, deficiencias estéticas graves.
Obra na Caeira, asentada nun solar con forte gradiente, pero orientado ao sul e con espléndidas vistas sobre Pontevedra e a desembocadura do Lérez.
Segundo indica o xurado, o panorama é resaltado pola eficaz concepción da edificación, que se abre ao exterior e aproveita a pendente para estruturar en chanzos os espazos centrais (salón, comedor, cociña) tras grandes xanelas. A fachada posterior, sobre a rúa de acceso, é máis opaca e protexe as costas dunha edificación ben concibida.
Finalista destacada:
Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rei.
Obra de rehabilitación na Rúa da Liberdade de Ourense, en pleno casco histórico.
Valora o xurado a boa solución lograda para integrare os dous corpos da casa, un antigo e outro engadido posteriormente con escaso criterio e o elegante deseño xeral do edificio, recuperado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para vivenda de aluguer destinada a persoas con baixos ingresos.